Friday 17 de May de 2024

A Coruña desenvolve ata o 23 de outubro a súa Semana da Prevención de Incendios con actividades para todos os públicos


A praza de María Pita será o epicentro dos actos, entre eles un simulacro de sinistro viario este sábado

A XXIII Semana da Prevención de Incendios 2023, organizada polo Concello, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) en colaboración co corpo de Bombeiros da Coruña, inicia o seu programa de actividades que se desenvolve desde o luns 16 de outubro ata o luns 23 de outubro. A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, foi a encargada de presentar o groso dos actos que terán como epicentro a praza de María Pita. Estivo acompañada de Miguel Ángel Talabante, director territorial de Mapfre en Galicia.

O programa inclúe accións formativas gratuítas destinadas a público de todas as idades, prestando especial atención aos máis pequenos. Para impulsar a prevención, a praza de María Pita contará coa ‘Casa de Evacuación’, situada no parque da prevención que comeza hoxe co seu funcionamento. As instalacións estarán abertas ao público de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

“O obxectivo do Goberno de Inés Rey co fomento desta iniciativa é trasladarlle aos coruñeses e ás coruñesas unha serie de coñecementos para que sexan capaces de identificar os riscos que poden presentarse na nosa contorna máis inmediata”, sinalou Montserrat Paz. Na praza de María Pita instalarase tamén a ‘Casa de Fume’, un simulador que recrea unha vivenda de varios cuartos, usando para iso unha construción inchable. Poderase acceder á instalación de forma gratuíta para coñecer, de primeira man, a sensación que transmite un espazo pechado no que a visibilidade é practicamente nula. Ademais, repartiranse folletos informativos e cadernos educativos para os máis pequenos.

Así mesmo, a presenza de fume, inofensivo neste caso, fai que grandes e pequenos aprendan a “escapar” dun incendio con todas as garantías. O percorrido de evacuación está guiado por formadores profesionais e bombeiros, sendo a mellor maneira de aprender para unha posible situación de risco deste tipo. Dentro das formacións destinadas ao público estarán presentes os dispositivos de retención infantil, pautas a seguir en caso de sinistro de tráfico, ou ata un simulacro de rescate realizado polos Bombeiros da Coruña.

A manobra terá lugar o vindeiro sábado 21 de outubro, ás 12.30 horas. Este Car Crash Show conta con actividades paralelas como, por exemplo, mostra de vehículos e ferramentas, así como de protocolos de actuación nestes casos nos que a coordinación e a efectividade no tempo é esencial. O Car Crash Show conta coa colaboración de Policía Local, Protección Civil, así como de servizos sanitarios que interveñen na cidade neste tipo de circunstancias. Montserrat Paz destacou o compromiso do Concello da Coruña con esta iniciativa, da que é un dos municipios pioneiros de España, con 23 edicións programadas contando a actual.
“Temos que achegar as actividades e o traballo diario dos Bombeiros da Coruña á cidadanía, con mención especial aos máis pequenos e pequenas, para poñer en valor a súa importancia na sociedade”, indicou.